| OVIDIO RODEIRO ASEGURA QUE COA NOVA FISCALIDADE DE VIVENDA UNHA PARELLA MOZA AFORRA 6.600 EUROS EN IMPOSTOS AO MERCAR UNHA RESIDENCIA DE 180.000 |
|
|
|
| Mércores, 25 Novembro 2009 17:12 |
|
Representantes e directivos de máis de 30 asociacións xuvenís de toda a comunidade reuníronse hoxe en Santiago co director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, para coñecer os obxectivos e o alcance da rebaixa fiscal para o fomento da vivenda, que foi aprobada o pasado martes no Parlamento de Galicia.
Estas entidades asociativas foron as que solicitaron información nos diferentes centros da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado interesadas en coñecer en profundidade as características da norma e cal será a súa aplicación práctica nos supostos de adquisición dunha vivenda por parte da mocidade.
Ovidio Rodeiro explicou que para unha parella de mozos menores de 36 anos cunha renda anual inferior a 30.000 euros por cada un e un patrimonio conxunto que non supere os 250.000 euros –que supoñen a gran maioría da poboación xuvenil- a reforma do imposto suporá un aforro de máis de 6.600 euros na adquisición dunha vivenda de 180.000 euros.
Esta modificación fiscal supón pasar do 7% ao 4% o gravame por transmisións patrimoniais, unha rebaixa do 43%, mentres que as taxas por Actos Xurídicos Documentados baixará entre un 50 e un 66 %, dependendo dos diferentes casos.
O director de Xuventude tamén se mostrou convencido de que esta rebaixa fiscal tamén servirá para reactivar o mercado da vivenda en Galicia, que é un dos sectores que máis está notando a crise económica. Ovidio Rodeiro explicou que esta medida forma parte dun conxunto de actuacións que está promovendo o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para dinamizar a economía e apoiar á mocidade e ás familias. Entre estas medidas citou o Plan de Austeridade, o Plan Renove, o Plan de Banda Larga, o Plan Move de Infraestruturas ou a concesión de avais ao tecido empresarial galego por valor de 150 millóns de euros. |
![]() |
![]() |
![]() |